Saturday 04 de May de 2024

O Concello mellora a plataforma Coruña eFilm das bibliotecas con aplicación para móbil e televisión e novas seccións de mangas, podcasts e concertos


As novidades estarán dispoñibles no último trimestre do ano e sumaranse a un catálogo que conta con máis de 10.000 películas, series e documentais de acceso gratuíto para usuarios e usuarias

A plataforma Coruña eFilm, unha ferramenta en liña quepermite ás persoas usuarias da rede de bibliotecas municipais acceder e visualizar un catálogo con máis de 10.000 títulos audiovisuais, entre películas, documentais, series e revistas, renovarase nos vindeiros meses con novo contido e funcións.

Entre as novidades destaca unha nova aplicación para teléfonos móbiles e televisións, que estará dispoñible a partir de setembro e suporá unha mellora da experiencia actual. A aplicación estará dispoñible en dispositivos iOS e Android e en televisións Smart Tv das marcas Samsung, LG, Google TV ou Android TV.

Por outra banda, outra das grandes novidades será a inclusión na plataforma dunha sección de manga para lectura en liña. O catálogo contará coa colección das principais editoriais do sector e as persoas usuarias poderán ler algunhas das grandes sagas do manga xaponés.

Ademais, engadiranse tamén case 50 millóns de arquivos sonoros ou episodios de podcast, creándose listaxes específicas con cada unha das temáticas dispoñibles. As novidades tamén chegan cunha ampliación da canle de concertos, con máis de 1.300 horas de actuacións de diferentes xéneros e o aumento da sección de revistas, con máis de 10.000 publicacións en 43 idiomas.

Esta plataforma de streaming promovida polo Concello é de balde e supuxo unha revoluciónno préstamo de contido audiovisual nas bibliotecas. O catálogo é amplo e variado, contando cunha gran selección de obras galegas e en galego. Cada persoa usuaria pode coller prestadas dúas películas ou dous capítulos de series á semana.